Poemas e cancións celebrarán en Celanova o centenario de Celso Emilio Ferreiro
Os actos terán como invitados a Luis Emilio Batallán, a María de Ceo e a Luís González Tosar
Unha gala, un concerto, un recital e mesmo un programa de televisión caberían na homenaxe que o vindeiro venres terá lugar en Celanova (auditorio municipal, 20.00) para celebrar o centenario do nacemento de Celso Emilio Ferreiro.
Recital, música e vídeo son os tres xéneros do acto que terán como invitados en vivo a Luís Emilio Batallán e a María do Ceo no musical e a Luís González Tosar no poético. Os dous primeiros recuperarán algunha das pezas de Celso Emilio gravadas por ambos cantantes en distintos momentos das súas carreiras.
A outra parte do acto servirá para contar coa intervención gravada de persoas en relación co poeta de Celanova, pero non só procedentes do mundo da cultura, senón tamén doutros ámbitos para demostrar, como asegurou o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, a importancia de quen «participou na construción colectiva e social de xeito tan definitivo». Nos vídeos que se exhibirán poderase escoitar a xente do fútbol, como Míchel Salgado ou Fernández Vázquez, a Manuel Manquiña ou ao falecido Isaac Díaz Pardo. Unha mostra variada, segundo os organizadores, para explicar a relevancia de Ferreiro.
No mesmo sentido, Juan Carlos Fasero sinalou que Celso Emilio Ferreiro era o «máis cantado dos poetas galegos», unha opinión apoiada por Luís Emilio Batallán que comentou que a poesía de Celso Emilio «ten musicalidade de seu o que fai máis fácil cantala, son poemas moi musicables». Batallán explicou que coñeceu a Ferreiro en Madrid e que cantar os seus poemas en Celanova supón para el «unha honra». Pola súa banda, María do Ceo apuntou que cantaría nesta homenaxe dúas pezas das que gravou no disco No bico un cantar sobre poetas de Celanova, María Soliña e Moraima, de Celso Emilio.