lunes, 2 de enero de 2012

Os autores levarán as súas creacións á Tenda dos Libros de Ponteceso

 Os autores levarán as súas creacións á Tenda dos Libros de Ponteceso

carballo / la voz
1/10/2011
Ademais de facer un oco no seu escaparate e nos seus estantes ás ultimas novidades literarias, A Tenda dos Libros de Ponteceso recibirá nos próximos días a algúns dos propios autores para que sexan eles mesmos os que as dean a coñecer ou ofrezan charlas e recitais.
O primeiro en pasar polo local, o venres da vindeira semana, será Carlos Callón, presidente da Mesa pola Normalización Lingüística e voceiro da plataforma Queremos Galego, que presentará a obra Como defenderes os teus dereitos lingüísticos, editada por Xerais. Unha semana despois, o venres 14, o profesor universitario, director do portal culturagalega.org e arqueólogo afeccionado, Manuel Gago, repasará a historia de Galicia na época de alta Idade Media cunha charla titulada República de homes libres.
E o venres 21, será o cabanés Óscar de Souto quen visite A Tenda dos Libros para ofrecer un recital poético e presentar un volume antolóxico no que colabora, Se lo dije a la noche.
As tres propostas terán lugar ás 20.30 horas e estarán abertas á participación do público en xeral.
Novidades de Xerais
Do mundo editorial, e máis concretamente de Xerais, tamén chegan algunhas novidades relacionadas coa comarca no marco dos seus lanzamentos para o outono e o nadal: Cita en Fisterra, do escritor coruñés Luis Rei Núñez, e outras dúas obras de dous autores moi vencellados coa Costa da Morte: O máis estraño, de Manuel Rivas, e Pan de ánimas, de Xoán Abeleira.


http://avoz.com/carballo/2011/10/01/0003_201110C1C10992.htm